O grupo de música tradicional Lirolai nace no interior da Agrupación Musical do Rosal, sendo este un máis dos proxectos levados a cabo por esta asociación.
O grupo consta de dez compoñentes, cinco homes e cinco mulleres que interpretan repertorio cantado, pezas de pandereteiras, temas instrumentais con gaitas, acordeón, tamboril e bombo, e versións mixtas de canto e instrumentación. Posúen un amplo repertorio de cancións de recollida de diferentes zonas de Galicia, así coma versións de temas populares e tamén pezas de composición propia.
Realiza concertos e actuacións por toda a xeografía galega, asturiana e mesmo destaca un concerto no centro galego de Vitoria-Gasteiz e en varias localidades portuguesas. No verán de 2023 actúa na comarca do Bierzo, (León) acadando grande éxito entre o público. Participa tamén en varios programas da Televisión de Galicia e da RTP1 de Portugal, destacando “Vaia troula” “A solaina” ou “Luar” entre outros.
Ten no mercado dúas gravacións, a primeira do 2011 e “De vila en vila” nome do seu último disco que saíu a venda en 2018. Neste último traballo gravou un dos temas coa Coral San Telmo de Tui, coa que habitualmente realiza concertos en conxunto, tanto pola zona, como varios realizados na comunidade veciña de Asturias ou en Collado Villalba (Madrid) en xuño de 2022.
Nestes momentos, tamén centran o seu traballo na que será a súa terceira gravación, na que teñen posta moita ilusión.