O 17 de maio, Día das Letras Galegas e un día especial para todos as/os galegas/os, onde destacamos a importancia da literatura no noso idioma, o galego. Cada ano dedícase este día a un autor que destacase polas súas obras no noso idioma, sendo este ano o homenaxeado Manuel María. Neste acto ademais de enxalzar á figura do escritor, amosaremos a nosa arte a través da música.
Durante todo o día teremos diversas actuacións e actividades para tódolos gustos e tódalas idades, para goce dos visitantes. Terán protagonismo os rapaces e alumnado da nosa escola de música, mediante actuacións conxuntas da «Minibanda», Banda Infantil, Coro Infantil, Grupos de Música Tradicional, etc. Destacar este ano o concerto que ofrecerá a banda da Agrupación Musical do Rosal, interpretando repertorio galego. O lugar dos actos será a Praza do Calvario do Rosal.
Música, contacontos, obradoiros, e postos de comida caseira a prezos populares, co fin de recadar fondos para a asociación, fan que se reúnan na Praza do Calvario un importante número de persoas.
Ademais nesta edición contaremos cun Mercadillo Solidario grazas a colaboración da asociación Conrazones.
A Agrupación Musical do Rosal ven organizando esta actividade, en colaboración co Concello do Rosal, dende o ano 2006. En todas as edicións tivemos moi boa acollida por parte do público, e podemos cualificar como moi exitosos todos os actos que realizamos, asistindo ademais da poboación do Rosal xentes doutros lugares do Baixo Miño e incluso doutras comarcas da provincia.
Se queres pasar unha boa xornada con nós, acércate ata O Rosal…
1 comment