A Banda da Agrupación Musical do Rosal adapta o seu tradicional Festival de Músicos Xoves á nova realidade que trouxo a crise sanitaria por mor da COVID-19. Ante a imposibilidade de xuntar nun mesmo espazo e mantendo a distancia de seguridade, a agrupación decidiu modificar o formato deste festival que se viña celebrando dende hai xa 30 anos para seguir levando a música a cada recuncho do municipio rosaleiro.
Para conseguilo, a dirección decidiu formar grupos reducidos de músicos que durante os meses posteriores ao levantamento do estado de alarma ensaiaron diferentes repertorios. Nacen así 6 ensembles instrumentais que toman o seu nome homenaxeando a personaxes senlleiras na historia da Agrupación Musical, como Pepe Flores, José Vicente Simeó, Nani Matos ou Emilio Rodríguez. A estes grupos hai que sumar o grupo de cámara formado polo alumnado máis novo da escola de música e o grupo de clarinetes ‘Klason’.
Así, a Agrupación contando coa colaboración co Concello do Rosal, programa un ciclo de dez concertos repartidos polas distintas parroquias do concello, cos que levar a súa música á veciñanza rosaleira mantendo sempre as medidas de seguridade ás que obriga a actual situación sanitaria.
Os concertos concéntranse na segunda e terceira semana de agosto, comezando o martes 11 no campo de balonmán de Novás e rematando o sábado 22 cun concerto na Praza do Calvario, conmemorando así o día no que se tería celebrado o Festival de Músicos Xoves.